Contexto do programa

A Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria veu realizando ao longo dos últimos meses unha profunda análise da situación económica galega, centrándose no papel que a innovación e as Pemes -que configuran máis do 98% do tecido empresarial- teñen e, tamén, no que deben asumir no contexto actual, marcado por unha importante recesión a nivel global.

A conclusión é que a chave para posicionar a Galicia de forma sólida e competitiva no novo escenario económico que está a nacer da crise e a innovación é que as empresas teñen que ser os axentes principais do cambio.

A Xunta está a deseñar accións dirixidas a darlle ao tecido empresarial o soporte necesario para invertir a tendencia negativa que experimentou o gasto privado en I+D entre 2007 e 2008. Ao peche deste último ano, as empresas galegas gastaran en investigación e desenvolvemento un 8,7% menos que en 2007, segundo datos do INE.

Consciente de que as pequenas e medianas empresas son o músculo principal da estrutura económica galega e tamén de que son as que máis dificultades sofren precisamente a conta do seu tamaño, a Consellería de Economía e Industria está a orientar os traballos de definición do novo Plan Galego de I+D+i e da nova Axencia Galega de Innovación centrando os esforzos neles.

Ante a urxencia de medidas que reforcen a estrutura do Sistema Galego de Innovación facendo fincapé no incremento da competitividade das Pemes, a Dirección Xeral de I+D+i pon en marcha o seu Programa para o Impulso da Innovación das Pemes Galegas coa Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA). Mediante esta iniciativa, a Xunta trascende as accións de cofinanciamento de proxectos concretos de I+D+i empresarial (que seguirán estando vixentes) para abordar o soporte á incorporación nas pemes de capital humano especializado na xestión destes proxectos.

O obxectivo final é que as Pemes galegas conten cos recursos necesarios para incorporar e consolidar emprego nun ámbito crítico e estratéxico que xa se converteu nun factor determinante de supervivencia nun mercado cada vez máis competitivo: a innovación.