Execución da acción
Selección de candidatos para formar parte da Rede XIGA
O perfil académico e profesional dos futuros xestores de innovación empresarial debe responder, cando menos, aos seguintes requisitos:
- Titulación Superior
- Experiencia previa ou formación no eido da I+D+i
- Dominio do inglés
Formación dos candidatos seleccionados
Programa intensivo de 320 horas de formación presencial no que participarán os 75 candidatos seleccionados.
Lugar da formación: Tecnópole
Duración: 8 semanas e xornada completa
Modalidade da formación: presencial.
Os contidos formativos vivarán ao redor de:
- Sistemas de xestión da I+D+i
- Xestión administrativa e económica de proxectos de I+D+i
- As novas tecnoloxías como ferramenta de innovación
- Vixilancia tecnolóxica e prospectiva
- Propiedade industrial e intelectual
- Fiscalidade da innovación
- Xestión da calidade en proxectos
- Principais programas de apoio á I+D+i: Galicia, España e Europa
- Transferencia de resultados e de tecnoloxías
- Técnicas de negociación
- Dirección de equipos
- Ferramentas 2.0 do Programa XIGA
- Outros módulos relacionados coa innovación
Convocatoria para Pemes
Maio de 2010. As empresas interesadas en integrar no seu cadro de persoal a un xestor de innovación ao abeiro deste programa deberán presentar a súa solicitude baixo as condicións da convocatoria en réxime de concorrencia competitiva que se publican no Diario Oficial de Galicia (DOG). Ademais de cumprir coa condición de Peme, a empresa solicitante deberá atoparse ao día en todas as súas obrigas fiscais e terá que acreditar experiencia previa en iniciativas de I+D+i e/ou plans en firme de abordalos nun futuro inmediato, dado que o programa se dirixe tanto ás empresas que desexan mellorar a xestión dos seus proxectos como ás que están interesadas en iniciarse nese ámbito.
-
Incorporación dos xestores de innovación ás Pemes.
Os profesionais seleccionados e formados como xestores de innovación incorporaranse ás Pemes beneficiarias dos incentivos á contratación como parte integrante do seu cadro de persoal. A vixencia da axuda será de tres anos e suporá o cofinanciamento dos custos laborais por parte da Dirección Xeral de I+D+i, coa limitación dun máximo de 30.000 euros anuais subvencionables, nos seguintes tramos:- 1º ano: 21.000 €, que corresponden ao 70% do gasto subvencionable
- 2º ano: 15.000 €, que corresponden ao 50% do gasto subvencionable
- 3º ano: 9.000 €, que corresponden ao 30% do gasto subvencionable
-
Consolidación da rede a través da plataforma XIGA 2.0.
Os xestores de innovación traballarán en cadansúa empresa con total autonomía, pero serán obxecto de seguimento xunto coa actividade innovadora da Peme, co fin de garantir o axeitado aproveitamento dos recursos do Programa. Gran parte do éxito radica na integración do xestor na Rede XIGA a través da plataforma online que lle dará soporte. Esta plataforma, deseñada con base nas ferramentas 2.0 dispoñibles en internet (redes sociais, foros, repositorios de documentos e todos os recursos dispoñibles para compartir e interactuar), servirá para a contínua actualización de coñecementos, a posta en marcha de ideas e proxectos que impliquen a cooperación de varias empresas, o intercambio de experiencias, etc. -
Formación continua presencial. Tanto os xestores de innovación como os empresarios serán convocados para asistir a xornadas técnicas periódicas nas que, ademais de actualizar coñecementos, aproveitarase a ocasión da interrelación persoal para potenciar os proxectos colaborativos de innovación entre as Pemes.
Avaliación e continuidade da axuda.. As Pemes beneficiarias do programa deberán xustificar resultados tanxibles para continuar recibindo soporte económico na contratación do seu correspondente xestor de innovación. Isto medirase tomando como referencia o número de proxectos de I+D+i identificados, o número de proxectos executados ou en execución e os resultados acadados grazas a estes.

