Economía e Industria abre o prazo para que as PEMEs galegas soliciten xestores de innovación da Rede XIGA

Santiago, 26 de maio de 2010.

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, anunciou esta mañá a apertura da convocatoria para que as pemes galegas e os profesionais interesados en formar parte da nova Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA) presenten as súas candidaturas. O prazo de formalización de solicitudes estará aberto ata o 24 de xuño, con toda a información e os formularios dispoñibles na plataforma www.redexiga.es.

A Rede XIGA será o resultado dun programa piloto de formación de técnicos especialistas en materia de innovación e a súa incorporación a 60 pemes galegas. Guerra expuxo que a Dirección Xeral de I+D+I se fará cargo do adestramento de 75 profesionais -previamente seleccionados a través dun proceso competitivo- para convertelos en expertos na xestión de proxectos innovadores e cofinanciará os custos laborais dos 60 mellores durante os seus primeiros tres anos como parte do persoal das pemes beneficiarias. As sesións de formación terán lugar no Parque Tecnolóxico de Galicia –Tecnópole-, en Ourense.

O labor que os xestores de innovación levarán a cabo nas pemes que os contraten centrarase en identificar proxectos e potencial de I+D+i nas empresas; analizar convocatorias de axudas públicas no ámbito da innovación, definir, planificar e documentar memorias de proxectos de I+D+i; e xestionar proxectos de innovación na empresa, individuais ou cooperativos.

As pequenas e medianas empresas participantes nesta acción do Programa para o Impulso da Innovación das pemes galegas, promovido por Economía e Industria recibirán axudas importantes para facer fronte aos gastos derivados da contratación destes expertos, que se materializarán no 70% do custo laboral o primeiro ano, o 50% o segundo, e o 30% o terceiro, sobre un importe máximo de 30.000 euros para o salario bruto anual e a cota empresarial da Seguridade Social, a tempo completo.

Deste xeito, a Xunta quere contribuír ao financiamento destes novos postos de traballo nas pemes durante a súa etapa de consolidación, co obxectivo de aliviar os custos da empresa, ata o punto no que se comecen a producir retornos do investimento nos proxectos de innovación xestionados por estes expertos. O orzamento total para abordar esta actuación no trienio 2010-2012 ascende a 5 millóns de euros.

Formación de xestores expertos

Os aspirantes a xestores expertos en innovación deberán posuír unha titulación superior obtida nos últimos anos, dominar o inglés tanto na escrita coma na fala e ter carné de conducir. A experiencia laboral previa e a acreditación dun máster relacionado coa innovación puntuarán a favor dos candidatos.

Durante os vindeiros meses terá lugar o programa de formación intensiva dos 75 candidatos seleccionados con 320 horas de sesións presenciais sobre temas relacionados coa xestión da innovación (sistemas de xestión da I+D+I, xestión administrativa e económica de proxectos de I+D+I, novas tecnoloxías, vixilancia tecnolóxica, fiscalidade da innovación, xestión da calidade, etc.). Os asistentes terán dereito a unha bolsa de formación de 400 euros brutos mensuais durante os dous meses lectivos. Os 60 que obteñan a mellor puntuación ao remate da formación serán os integrantes definitivos da Rede XIGA.

Polo que se refire ás empresas, os requisitos que deben cumprir para poder solicitar a incorporación dun destes expertos son reunir a condición de peme (menos de 250 empregados); atoparse ao corrente en todas as súas obrigas fiscais; e ter experiencia previa en iniciativas de innovación e/ou plans en firme de abordalas nun futuro inmediato.

A incorporación laboral dos xestores de innovación nas 60 pemes beneficiarias do programa terá lugar durante o segundo semestre do 2010, co apoio financeiro da Consellería de Economía e Industria desde a primeira nómina. Estes profesionais traballarán en cadansúa empresa con total autonomía, pero serán obxecto de seguimento xunto coa actividade innovadora da peme, co fin de garantir o axeitado aproveitamento dos recursos do programa.

Desde o principio, todos os xestores contarán co soporte da Rede XIGA a través dunha plataforma online deseñada con base nas ferramentas 2.0 dispoñibles en Internet (redes sociais, foros, repositorios de documentos e todos os recursos dispoñibles para compartir e interactuar). Deste xeito se posibilitará a continua actualización de coñecementos, a posta en marcha de ideas e proxectos que impliquen a cooperación de varias empresas, o intercambio de experiencias, etc.

A continuidade da axuda estará supeditada á presentación de resultados tanxibles ao remate do primeiro ano. Estes resultados mediranse tomando como referencia o número de proxectos de innovación identificados, o número de proxectos realizados e en execución e os resultados acadados grazas a estes.

Aumentar a competitividade da economía galega

Mediante esta iniciativa, a Xunta transcende ás accións de cofinanciamento de proxectos concretos de innovación empresarial –que seguirán estando vixentes- para abordar a incorporación nas pemes de capital humano especializado na xestión destes proxectos. O obxectivo é capacitar ás empresas para convertelas nas principais promotoras do aumento da súa competitividade, a través de recursos propios.

As expectativas do programa contemplan que as empresas contratantes de profesionais da Rede XIGA teñan acadado ao remate de 2012 un incremento do investimento en innovación dun 30%; un 50% máis de proxectos presentados a convocatorias competitivas de plans autonómicos, estatais e internacionais; e un aumento da facturación ligado á explotación dos resultados dos proxectos.

Este programa é un anticipo das liñas de traballo que serán priorizadas no novo Plan Galego de I+D+I, en fase de deseño, e na nova Axencia Galega de I+D+I, que se porá en marcha durante este ano 2010.

Anexos: